A asociación cultural CANTAR DELAS eva funcionando dende setembro de 2007. Esta asociación promove o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 24 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Na actualidade está presidida por Dolores Varela Salgueiro.
Os seus obxectivos recollen:
- A promoción e o exercicio da música coral polifónica.
- A interpretación e promoción da música clásica en xeral e de autoría galega en particular.
- A promoción da cultura galega a través da súa literatura, da súa música e da súa lingua.
- A participación e a presenza das mulleres na vida cultural e social a través do canto coral.
- A difusión da obra, tanto literaria coma musical, de escritoras, compositoras e intérpretes femininas.
En maio de 2008 celebrouse o primeiro concerto sendo amadriñadas pola entonces Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez. Naquel momento, a prensa local recolleu o evento como“Voces con alma de mujer” (Ver EL PROGRESO, 25-05-2008).
Nestes anos levou a cabo importantes proxectos musicais.
En 2010 interpreta coa Orquestra de Xove o Stabat Mater de Pergolesi en diferentes localidades da provincia de Lugo.
No 2012 desenvolve un proxecto centrado nas composicións medievais de Cantigas de Martim Codax e Cantigas de Afonso X o Sabio xunto co grupo instrumental Tundal.
En 2017 interpretou Unha tarde na ópera, concerto conxunto con outros coros da cidade de Lugo acompañados polo pianista Aurelio Chao.
Cantar Delas participou no Festival de Música Cidade de Lugo en maio de 2018 na sección de Produción Local Tributo a Xoán Montes. Recupéranse pezas inéditas e practicamente descoñecidas, transcritas por Fernando G. Jácome. Trátase de pezas concibidas para teclado: órgano ou harmonio e voces brancas. O concerto foi acompañado por Esperanza Iglesias ao órgano na Igrexa de San Pedro.
Tamén no 2018 interpreta Contos e Cantos coa lectura de textos de literrios que gardan algunha relación coas pezas do repertorio musical escollido.
Nos anos 2019 e 2020 desenvolve dous ciclos de concertos Mulleres libres, sempre nos que se fai un percorrido pola historia da música, desde o s. XIII ata a actualidade, introducindo cada composición coa lectura de trazos biográficos de mulleres galegas representativas de cada século.
No 2022 con motivo da celebración do Xacobeo 21 interpretou o ciclo Carmina Viarum con pezas musicais relacionadas cos diferentes camiños á Compostela, cos lugares nos que transcorren ou cos diferentes códices que recollen creacións musicais medievais.
Nos anos 2023 e 2024 desenvolve o ciclo Creadoras de música dedicado á creación musical feminina co obxectivo de dar a coñecer mulleres compositoras invisibilizadas e silenciadas ó longo da historia. Confinadas no xineceo do silencio, moitas compositoras e intérpretes aínda hoxe son descoñecidas. A ruptura do silencio pasa polo coñecemento e o recoñecemento do seu valor e capacidade creativa.
No 2025 interpreta o ciclo de concertos Cantos de Raíz. Da raíz do canto dedicado á musica e literatura de tradición oral co que se uniu á Real Academia Galega na celebración das Letras Galegas 2025. Nestes concertos interpretou cancións populares transmitidas na oralidade na que as mulleres tiveron un papel fundamental na conservación e anovación da tradición popular.
Así mesmo ten participado en diferentes efemérides organizadas polo Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e outros organismos públicos e privados tales como Día das Letras Galegas, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, 8 de marzo, San Valentín, Santa Icía, Polifonía por quilos, Concerto Solidario, Nadal na rúa…
O prestixio e popularidade que o coro CANTAR DELAS acadou na nosa cidade débese, fundamentalmente, ó seu director Fernando Gómez Jácome que, ademais dos ensaios semanais, procura, selecciona, prepara, adapta e harmoniza as distintas composicións musicais.