Xoán Montes Capón é un dos mellores compositores galegos do século XIX, naceu en Lugo o 13 de abril de 1840.
Cursou estudos no Seminario de Lugo e é aquí onde inicia o seu traballo como compositor de forma totalmente autodidacta. O vicerreitor encoméndalle a creación dun coro de seminaristas e acompañado da súa guitarra empeza a compoñer as súas primeiras pezas: glosas, pregarias, himnos, motetes; entre elas “Las siete palabras de Cristo en la cruz” da que posteriormente (1889) fará un preludio instrumental.
Termina os seus estudos eclesiásticos pero rexeita a carreira sacerdotal para dedicarse totalmente á música.
A súa vida e a súa carreira de músico están fortemente vinculadas á cidade de Lugo. Foi un notable pianista, organista, profesor de música do Seminario de Lugo, reorganizador da Banda Municipal de Música coa que deu infinidade de concertos, divulgando a música sinfónica, a de cámara e a coral e tamén foi creador e director do Orfeón Lucense.
Na súa produción musical encontramos dúas parcelas, a música sacra e a música popular.
Montes era ante todo un compositor de música relixiosa, as composicións de tipo profano naceron de circunstancias particulares, a maior parte das veces para acudir a concursos ou certames e cando o fixo, fíxoo con tal eficacia que o converteu nun dos compositores galegos que mellor souberon penetrar a alma do pobo.
Entre os títulos máis importantes da súa vastísima obra relixiosa pódese destacar: Oficio de Defuntos, Te Deum (para catro voces e orquestra), Misa de réquiem (a tres voces e orquestra ou órgano) ou Ofertorio-marcha sobre o himno “Ave Maris Stella”, así como varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, himnos, motetes, etc.
Entre as súas composicións profanas, que foron moitas, destacan as Baladas Galegas para canto e piano nas que puxo música a textos e poemas de grandes escritores e máis escritoras da súa época.
Entre todas elas é “Negra Sombra”, sobre un poema de Rosalía de Castro, a que alcanza maior sona e recoñecemento.
Xoán Montes foi un incansable traballador ata a fin da súa vida. Aínda puido levar a cabo nos seus últimos días a organización da Schola Cantorum do Seminario de Lugo por encargo do bispo.
Morreu, como quen di, coa batuta na man, ao seu regreso dun ensaio no Círculo das Artes, o día 24 de xuño de 1899.
TRIBUTO A MONTES
O 21 de maio de 2018, na XLVI Semana de Música do Corpus de Lugo, Cantar Delas rendeu tributo ao gran compositor lucense Xoán Montes, ofrecendo un concerto de música sacra baixo a dirección de Fernando G. Jácome e o acompañamento ao órgano de Esperanza Iglesias, coa interpretación do seguinte programa:
Veni creator (Himno ao Espírito Santo) Misa sencilla para niños Kyrie Gloria Credo Sanctus Agnus Dei
| Una flor a María
Ego sum panis vivus
Pange lingua, Tantum ergo Genitori (Motete ao Santísimo)
En Belén hai moita festa (Panxoliña ao nacemento do Noso Señor Xesucristo)
|
Cantar Delas recupera pezas inéditas e prácticamente descoñecidas, transcritas por Fernando G. Jácome. Trátase de pezas concibidas para teclado: órgano ou armonio e voces brancas.
Os temas foron escritos na súa etapa de docente no Seminario de Lugo para o seu uso nas celebracións do centro e tamén para as monxas do convento monfortino das Clarisas, onde ingresou a súa sobriña e afillada, Sor Natividade do Neno Xesús en 1984.
Da súa etapa de estudante data En Belén hai moita festa. A dedicatoria “A mis alumnos de canto figurado” encabeza a partitura de Ego sum panis vivus. Seguramente para o uso da Schola Cantorum do Seminario foi composta a Misa sencilla para niños a dúas voces e órgano.
A meirande parte da obra de Montes atópase recollida en dous importantes arquivos musicais: o do convento de Santa Clara de Monforte de Lemos e do Seminario Diocesano de Lugo. No convento de Monforte consérvanse un total de 59 obras enviadas por Montes á congregación, destinadas ao seu uso litúrxico as máis delas, e ao entretemento das monxas (algúns bailables como mazurcas, muiñeiras, baladas, etc).
Natividade Montes, sobriña do compositor, ingresa no convento con 24 anos de idade, no 1894. Foi unha notable pianista e organista, polo que ata a súa morte faise cargo da organización e dirección da música do mosteiro. Pezas como Veni creator, Una flor a María (dedicada a sor Concepción, irmá de claustro de sor Natividade) e Pange lingua (composta en maio de 1899, un mes antes da morte do compositor e dedicada á sobriña) son exemplos da dedicación de Montes a escribir obras para as monxas do convento de Santa Clara.